Rutas

pantón

“Pantón é un país de vales como maus abertas, de colos maternais e amorosos, de montañas docemente femininas que se erguen
para ollar ó ceo e ó inmenso Val de Lemos deitado ó seus pés, fermoso e longo.
Eiquí a pedra fíxose arte, flor, pasmo, marabilla, milagre, eirexa, castelo, mosteiro, pazo, casa, para darlle ó home seguridade e fogar, fronte ó desamparo da vida e do destino”

Manuel María

Natureza

Os ríos que forman os límites do municipio de Pantón (Cabe, Sil e Miño) configuran nas súas ribeiras agrestes e empinadas unha riqueza paisaxística inigualable, que se mesturan coa riqueza artística. Dende o lugar máis alto do municipio (Pena Pombeira, 710 metros), Pantón deleitanos coas súas fermosas panorámicas, mesturando as ribeiras máis escarpadas con vales máis apracibles.

Unhas paisaxes naturais de gran variedade e atractivo, con boas condicións para practicar a pesca. Polos ríos Miño e Sil pódense realizar percorridos en catamarán, que permiten a contemplación das insólitas paisaxes da Ribeira Sacra, cos seus característicos viñedos dispostos en terrazas tamén chamados socalcos.

Río Sil

Pombeiro - Concello de Pantón

Río Cabe

Concello de Pantón

Ruta de Castro de Marce a Augacaída

Dende a capitalidade  do municipio, O Castro de Ferreira,  circulamos pola N-120 en dirección a Ourense. Á altura de Guítara, un desvío lévanos á antiga estrada N-120a, e dende alí seguimos en dirección a Marce. Despois de 2 km de baixada pola ribeira do Miño, entre frondosa vexetación, atopamos a sinalización do comezo da ruta.

A 900 m do comezo,  fronte a unha antiga adega de pedra, está indicado o desvío para descender á FERVENZA DE AUGACAIDA (29T X:605875 Y:4708134). Despois dun pequeno tramo de camiño poderemos optar por visitar a parte alta da fervenza ou ben baixar a súa base.

Se seguimos o camiño sen realizar o desvío, un sendeiro lévanos ata o CASTRO DE MARCE, un montículo pendurado  sobre o río Miño. A súa grande altura permite  a visión dun  amplo e espectacular tramo do río.

Como complemento podemos visitar o lugar de Marce, onde se encontran restos dunha  torre que pertenceu ó conde de Lemos e á torre do reloxo, unha edificación levantada polos emigrantes desta aldea a Suramérica no século pasado.

 

Ruta de Cibrisqueiros a San Cosmede (Pombeiro)

Comeza no barrio de Cibrisqueiros (Pombeiro), ó lado dun lavadoiro comunitario que está  á beira da estrada, tomando o sendeiro que nos leva a Souto. Neste tramo podemos observar unha bela vista da igrexa románica de San Vicente de Pombeiro (s. XII- XIII), así como construcións típicas da ribeira. Unha pequena subida, pasado un regato, lévanos ás casetas de Pedén e uns metros máis adiante, á dereita, atópanse as TUMBAS DO REGUNTOIRO (dúas tumbas e restos doutras de carácter antropomorfo, así como unha pequena pía, todas elas escavadas na rocha.)

Comeza un descenso ó longo do curso do río Sil, entre rochas graníticas, posiblemente restos dun glaciar. Entre estes penedos está o lugar que se asenta na súa base, PENAVEADA.

Desde esta rocha, o sendeiro descende ata o lugar de SAN COSMEDE, final da ruta. Este tramo prolóngase entre unha frondosa e abundante vexetación, consecuencia do seu microclima mediterráneo. Conviven moreiras, figueiras, limoeiros, laranxeiros, olivos, vides e pexegueiros con sobreiras, castiñeiross, piñeiros, acacias, etc.

Durante a viaxe non resultará difícil ver aguias, lagartos, lagartas, grallas e, cun pouco de sorte, algún que outro corzo, xabaril ou raposo que rapidamente se ocultarán ante a nosa presenza.

Esta ruta é dunha beleza singular, pero vólvese espléndida no outono e na primavera como consecuencia das tonalidades que a ribeira adquire nestas épocas do ano.

Ruta desde A Cruz a Pena Pombeira

Esta ruta percorre terras das parroquias de Frontón e Pombeiro, nas ribeiras dos ríos Sil e Cabe.

Podemos achegarnos á cabeceira do camiño partindo do centro do Castro de Ferreira, tomando o vial en dirección a Deade, Frontón e Lornís. Pasado o lugar de Seragude e antes do campo da festa de Frontón, unha estrada á dereita lévanos ó REGUEIRO. Unha pista á esquerda desvíanos ó monte onde podemos deixar o coche e comezar a camiñada. 

Comezamos a ruta camiñando por unha pista de terra ata chegar a un desvío que indica A CRUZ (29T X:608009 Y:4699844). Un enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan da cunca do Sil e terras de Lugo e Ourense. Recibe o nome dunha cruz de pedra colocada no monte, en recordo dunha misión que se celebrou na primeira metade do século XX na parroquia de Pombeiro.

Desandamos o camiño e chegamos de novo ó lugar do desvío para seguir subindo. A  douscentos metros atopamos un letreiro que nos informa do camiño ó Mirador de PENA POMBEIRA (29T X:608145 Y:4699467).  Situado no punto máis alto do concello (707 m), o mirador é un lugar idóneo para observar o Sil no seu esplendor, o mosteiro de Santo Estevo á esquerda do mesmo, así coma as terras de Nogueira de Ramuín, Chantada, Carballedo e Monforte de Lemos.  E, máis lonxe, O Caurel, Castro Caldelas e Manzaneda. 

Esta ruta percorre terras das parroquias de Frontón e Pombeiro, nas ribeiras dos ríos Sil e Cabe.

Podemos achegarnos á cabeceira do camiño partindo do centro do Castro de Ferreira, tomando o vial en dirección a Deade, Frontón e Lornís. Pasado o lugar de Seragude e antes do campo da festa de Frontón, unha estrada á dereita lévanos ó REGUEIRO. Unha pista á esquerda desvíanos ó monte onde podemos deixar o coche e comezar a camiñada. 

Comezamos a ruta camiñando por unha pista de terra ata chegar a un desvío que indica A CRUZ (29T X:608009 Y:4699844). Un enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan da cunca do Sil e terras de Lugo e Ourense. Recibe o nome dunha cruz de pedra colocada no monte, en recordo dunha misión que se celebrou na primeira metade do século XX na parroquia de Pombeiro.

Vale a pena pasear por entre os penedos, restos dun glaciar e que adquiriron unhas formas caprichosas ao longo do tempo.

Retornamos ó camiño principal e aquí podemos optar por: 

– Seguir  dirección a estrada Ferreira–Estación Santo Estevo (29T X:608691 Y:4699234) entre unha vexetación exuberante  e visitar o lugar de Frontón para logo retomar a pista dirección O RIGUEIRO  e chegar o lugar de partida.